O 24 de febreiro cumpríronse 177 anos do nacemento de Rosalía de Castro, motivo polo cal se realizaron diversos actos tanto en Galicia coma no estranxeiro. No IES de Ribadeo tampouco quixemos quedar alleos á celebración: na biblioteca tivo lugar unha exposición dos libros que temos relacionados con Rosalía e, co alumnado de agrupamento específico de 2º de ESO, elaboramos este vídeo:
domingo, 16 de marzo de 2014
miércoles, 5 de marzo de 2014
Chateos e chateos
![]() |
| Un grupo de amigos de chateo nun bar |
Non sei se existe ou se o soñei, pero cerro os ollos e vexo unha viñeta de Xosé Lois na que aparece o Carrabouxo arrimado á barra dunha tasca, dándolle un vistazo ó xornal; ó seu lado, ese compañeiro que comparte con el tantos momentos mira para uns rapazoulos que están nunha mesa dándolle a toda présa ás teclas dun portátil e di:
- Están chatenando.
- Coma nós! –responde o Carrabouxo cun chato de augardente na man.
- E ti que pensas de que agora tamén teñamos que conseguir desde o ensino que o alumnado teña competencia dixital?
- Tedes que conseguilo vós? E logo paréceche que son pouco competentes niso? Se botan o día pegados ó ordenador, ós móbiles, ás tabletas e a canto novo trebello hai!
- Non vaias ti pensar... Dedícanlle moito a un par de cousas: os xogos on line, antes o messenger, agora os whatsapps, pero a competencia dixital éche moito máis ca iso.
- ...
- O máis importante non é precisamente o uso dos trebellos, que ademais aparecen novidades cada quince días. A competencia dixital inclúe máis aspectos. Explícao moi ben Jordi Adell neste vídeo.
-...
- De todos eses apartados, a min paréceme especialmente necesario que nos esforcemos en dous: que o alumnado saiba distinguir a información rigorosa da que non o é e que sexan bos cidadáns dixitais.
- ...
- Non, non é que o resto non me importe, pero para min iso é fundamental, porque o problema agora non é a falta de información, coma noutros tempos, senón o exceso de información, e cómpre saber diferenciar o gran da palla. E tamén é moi importante non facer un uso inadecuado das tecnoloxías, ser uns bos "cidadáns dixitais".
-...
- Iso é o bo, que non fai moita falta traballar a motivación porque, fronte a outras competencias, contamos coa vantaxe de que para isto a predisposición do alumnado é positiva. Menos mal, porque non resultaría doado buscar argumentos para convencelos da importancia de adquirir unha boa competencia dixital nun momento no cal eles observan cada día nos medios de comunicación imaxes que reproducen follas de axenda nas que hai anotadas á man cifras mareantes ou agasallos de luxo correspondentes a subornos, comisións, etc. Vivimos na era dixital pero parece que os que manexan os fíos seguen botando as contas con lapis -ou pluma de ouro- e papel.
Imaxe tomada de "El País"
- ...
- Tés razón. Tamén pasa iso: temos que convencer o alumnado da importancia da competencia dixital para teren unha formación acorde co tempo que lles tocou vivir e hai que facelo nun momento no cal se lle dá amparo legal e aceptación social a algo tan trastempado como é a segregación por sexo nos centros de ensino. Xa digo, afortunadamente non soe ser necesario buscar motivación, que se non estabamos aviados.
-...
- Inconvenientes tamén hai, principalmente a velocidade coa que cambia todo o relacionado coas novas tecnoloxías e o retraso co que moitos dos docentes chegamos a elas.
-...
- Non vaias pensar... ás veces a realidade individual tropeza coas descricións globais: vivimos nun contorno que presuntamente pertence ó mundo máis desenvolvido, pero nas aulas aínda temos alumnos que non dispoñen na casa de ordenador, doutros dispositivos tecnolóxicos ou de conexión a internet. Iso dificulta o proceso de aprendizaxe, porque conviven nun mesmo nivel alumnos con coñecementos e con recursos moi distintos.
- ...
- Tés razón; ás veces parece que o ensino hoxe en día non é máis ca competencias dixitais e aprender inglés. Coma se con iso todos tiveran o futuro asegurado. E non hai que esquecer que tivemos durante moitos anos un presidente da Xunta que non usaba ordenador e aínda é hoxe o día no que non tivemos un presidente do goberno que domine idiomas.
-...
- Si, a irrupción da necesidade de dominar as competencias dixitais non debe facer que deixemos de lado outras, xa máis clásicas. Tamén aquí o vídeo de Jordi Adell é moi aproveitable, se facemos unha lectura adecuada: Jordi Adell dános unha clase maxistral sobre as competencias dixitais usando algo tan tradicional como un discurso oral ilustrado cun mapa conceptual debuxado a rotulador nunha folla de papel.
-...
- Exactamente! A súa mensaxe é útil porque manexa ben o discurso oral, que é claro e ben estruturado, sen esquecer tampouco a xestualidade. Ó mesmo tempo, co papel e co rotulador déixanos ver a súa capacidade para elaborar mensaxes esquemáticas. Aí está a clave. O vídeo en si só mellora a difusión da mensaxe e fai que nos chegue máis facilmente, pero a clave está en saber elaborar ben a mensaxe.
- ...
- Mira, no vídeo Jordi Adell di que para el non hai moobing tecnolóxico, senón moobing que usa as tecnoloxías. Pois a min tampouco me gusta poñerlle adxectivos ó concepto “competencia”; creo que temos que procurar educar alumnado competente en todo o necesario para vivir no seu tempo, sen andar engadindo etiquetas. O currículo fala de oito competencias como podía falar de dezaoito.
-...
- Pois si: o pasado e o presente convivindo. Diso se trata, tamén na escola. Temos que tratar de que o alumnado saiba que camiños foron os que os trouxeron ata aquí, pero temos tamén que formalos para que os camiños que lles quedan por percorrer sexan o máis levadeiros que se poida. E parece que a competencia dixital é compañeira imprescindible.
-...
- Veña, ata otra!. Agora toca chatear cos amigos, que me están agardando na tasca de Pepe; ten o mellor Ribeiro de toda a zona.
Tópicos literarios (PRESENTACIÓN)
Os contidos literarios poden ser tan variados como se queira, pero hai algúns que se repiten ó longo dos tempos e dos distintos sistemas literarios, converténdose así en TÓPICOS. Velaquí algúns dos máis destacados, con explicación das súas características e con algúns exemplos na literatura galega.
domingo, 2 de marzo de 2014
Luz Pozo: "Os palacios de inverno" (VIDEOPOEMA)
O poema "Os palacios de inverno" pertence ó libro As arpas de Iwerddon, no que a poeta galega Luz Pozo escribe sobre unha viaxe a Irlanda para participar no casamento dunha filla:
Suscribirse a:
Comentarios (Atom)



